O Esteo F.S. e o C.D. As Pontes asinaron un convenio de colaboración

Os clubs deportivos, O Esteo F.S. e o CD As Pontes asinaron onte, no salón de plenos do Concello de As Pontes, un convenio de colaboración, no ámbito deportivo, social económico, a partir da tempada 2020-2021.

Os dous clubes traballarán nun proxecto de futuro no que @s grandes beneficiari@s serán @s nen@s e as familias do noso pobo e de toda a comarca.

Con este primeiro paso, ambos clubs traballarán conxuntamente, para que, a curto prazo, se as persoas socias e ambos clubs o aprobasen, se poidese chegar a unha fusión definitiva para crear un gran club pontés.

Dende o Concello de As Pontes, o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, e o concelleiro de de Urbanismo e Coordinación do Goberno, Antonio Alonso, destacan a importancia deste convenio de colaboración entre os dous clubs deportivos do municipio que contan con máis integrantes, apostando, desde unha absoluta xenerosidade, por aunar esforzos e poñer todo o que teñen en común para aproveitar sinerxias como, desde fai moito anos, se ven facendo noutros ámbitos con tan bos resultados.

Comunicado oficial

“O Clube de fútbol sala O Esteo e o CD As Pontes, de fútbol, van cordenar as súas categorías de base este ano de xeito que os e as integrantes podan aproveitar as sinerxias creadas cun traballo en común toda vez que xa había moitos nenos e nenas que participaban das dúas modalidades.

As dúas entidades atopábanse no común obxectivo da formación deportiva e a promoción de valores nas súas escolas e equipos de base, e coincidindo na fin común da captación e formación de xogadores co reto de levalos ata o máximo nivel de desenvolvemento e de competición, nun mesmo marco que entende como fundamental a súa formación como persoas e deportistas.

Para conseguilo e mellorar as condicións nas que facelo, a nova estratexia pasará por cordenar horarios e oferta de cada modalidade, así como compartir medios aproveitando as sinerxias creadas a traverso dun convenio que auspicia e avala o concello de As Pontes. Faise coa posta en marcha dun proxecto de unificación do traballo coa base. Deste xeito calquera practicante das dúas modalidades contará cunha indumentaria común e uns gastos comúns.

Acadarase así optimizar os recursos públicos que se destinan dende o goberno local ó fomento do deporte, organizando mellor os recursos de cada un dos dous Clubes para ofreceren unha formación deportiva de maior calidade a menor prezo có actual.

A sinatura onte do convenio foi celebrada nas dúas agrupacións deportivas ó culminar un proceso iniciado xa hai tempo, e que resposta ó anceio manifestado por parte dunha ampla maioría de integrantes de ámbolos dous clubes que comezará a nova tempada con este ilusionante proxecto.

As expectativas do Clube O Esteo pasan por seguir a traballar para medrar na base e acadar así a pervivencia da súa razón de ser como entidade deportiva local, sementar futuro.”

O Esteo F.S. e o C.D. As Pontes asinaron un convenio de colaboración

Parte de ambas directivas diante do Concello de As Pontes