Equipo Senior

O Esteo adianta a este Sábado o seu encontro ante o Unionistas de Salamanca

Importante encontro para os de As Pontes diante da súa afición

Mañá sábado ás cinco da tarde os ponteses recibirán no Pavillón do CEIP Monte Caxado de As Pontes ao Unionistas de Salamanca, nun encontro adiantado á vixésima xornada da Segunda División B.

Os de As Pontes tentarán volver á senda da vitoria despois de acadar un punto nas tres últimas xornadas, o obtido ante o Sala Ourense no último encontro disputado no pavillón pontés, para seguir sumando nunha tempada que como se previa, está a ser moi igualada e competitiva onde ningún equipo regala nada.

Ponteses e salmantinos pelexarán por conseguir os tres puntos nun encontro que se prevé moi competitivo e igualado de principio a fin a pesar de que o conxunto visitante está situado na quinta praza da clasificación con 32 puntos, inmerso na loita por entrar nas posicións de playoff de ascenso a Segunda División, mentres que os de As Pontes son undécimos con 21 a dous puntos da zona de descenso a Terceira División, polo que o encontro de mañá pode aclarar un pouco o futuro de ambos clubes.

O Unionistas, que chegará a este encontro tras golear no seu feudo ao C.D. Segosala Segobus por 8 goles a 3, está formado maioritariamente por xogadores que, a pesar da súa xuventude, teñen unha ampla experiencia na categoría e en categorías superiores. Isto obrigará aos ponteses a saír enchufados dende o inicio do encontro e a non perder a concentración en ningún momento se non se queren ver sorprendidos por un equipo que, igual que os de As Pontes, buscará a vitoria dende o minuto un.

Os ponteses, que son o equipo con máis goles en contra do grupo 1 da Segunda División B, saben que deben mellorar a nivel defensivo e tratar de minimizar os erros ao máximo, sobre todo ao comezo do encontro para non verse moi cedo por detrás no marcador e evitar así ter que xogar á remolque durante moitos minutos.

No encontro da primeira volta disputado no Pavillón La Alamedilla de Salamanca, o resultado foi de 8 goles a 4 a favor dos salmantinos.

Dende o clube fan un chamamento á afición pontesa para que acuda ao pavillón do CEIP Monte Caxado a presenciar e animar ao equipo neste importante encontro.

Para a disputa deste choque e salvo contratempo de última hora, os de As Pontes só terán a única baixa de Guillan por sanción e entra por primeira vez nunha convocatoria do equipo senior o xuvenil Sergio Cabarcos.

CATEGORÍAS BASE

Outra fin de semana na que todas as categorías base do club disputarán os seus respectivos encontros como locais, comezando o propio sábado, despois do equipo sénior, o alevín da liga galega. Deixando para a tarde do domingo o resto de categorías onde cabe destacar a disputa da semifinal polo título de liga na categoría infantil e os derbis locais na categoría Prebenxamín e na categoría Alevín na segunda fase da 1ª Autonómica.

O Esteo adianta a este Sábado o seu encontro ante o Unionistas de Salamanca

​Imaxe do encontro O Esteo F.S. - Sala Ourense 2014 | Archivo