Os de As Pontes buscaran tres puntos que poden ser decisivos para a continuidade do equipo na 2ª División B
O Esteo visitará este sábado a difícil pista do Piensos Duran Albense F.S., nun encontro correspondente á 27ª xornada da tempada na Segunda División “B” e previsto para as 18:00 h. no Pavillón Municipal de Alba de Tormes (Salamanca).
Penúltima viaxe longa da tempada para os ponteses, onde se enfrontarán a un equipo que chega a este encontro situado na 5ª posición provisional do campionato con 46 puntos, a cinco dos postos de playoff de ascenso a Segunda División, mentres que o conxunto pontés ocupa o 12º posto con 32 a catro puntos da zona de descenso a Terceira División.
O Piensos Duran Albense que ven de conseguir a vitoria nas dúas últimas xornadas disputadas, superando ao Grupo Format Vilalba F.S. e ao C.D. Segosala Segobus en Segovia, quererá seguir facendo do seu feudo unha fortaleza, de onde deixaron escapar poucos puntos ao longo da tempada, e sumar unha nova vitoria que lle permita seguir na zona alta táboa clasificatoria para continuar tendo opcións de xogar playoffs de ascenso. Pero non o terá nada fácil ante un O Esteo que busca dar continuidade á vitoria colleitada a pasada xornada ante o Ribeira F.S. e manter ou, quen sabe, se ampliar a distancia que os deixe fóra dos postos de descenso unha xornada máis.
Só restan tres xornadas para o remate do campionato, Piensos Duran Albense e O Esteo manteñen intactas as súas posibilidades de acadar os seus respectivos obxectivos, polo que o partido de mañá pode ser considerado crucial para o futuro inmediato de ámbolos dous clubes.
Os salmantinos, formados na súa maioría por xogadores novos moi intensos, tanto a nivel defensivo como ofensivo, non renuncian a dar un balón perdido durante todo o encontro. Nas súas filas tamén contan con xogadores con ampla experiencia na categoría, esta mestura fai deles un conxunto moi perigoso á hora de contraatacar e executar as xogadas de estratéxia a balón parado, ademais de contar con dous bos porteiros. Todo isto obrigará aos ponteses a non perder a concentración en ningún momento do encontro, senón queren verse sorprendidos por un equipo que busca continuamente o erro do rival para facer dano e, como os de As Pontes, loitará pola vitoria dende minuto un.
Os xogadores do Esteo, que parten co hándicap das horas de viaxe que terán que facer para disputar este encontro, saben que para contrarrestar todo isto terán que realizar un encontro moi intenso tanto a nivel ofensivo como defensivo, onde tiveron serios problemas ao longo da tempada, tratando de non deixar pensar aos rivais e aproveitar as xogadas de ataque para tentar sumar tres importantes puntos, que en función do resultado doutros encontros da xornada poderían ser definitivos para certificar a continuidade dos de As Pontes na Segunda División “B” a vindeira tempada.
No partido da primeira volta do campionato disputado no Pavillón do CEIP Monte Caxado pontés, O Esteo logrou un agónico triunfo por 6-5, nun final non apto para cardíacos e non exento de polémica.
Para a disputa deste importante encontro, os de As Pontes seguen sen poder contar con Paulo e Ayalita ambos por lesión, polo que non descartan convocar a xogadores do equipo xuvenil para completar a convocatoria.
CATEGORIAS BASE
Fin de semana onde tódalas categorías do club disputaran os seus respectivos encontros como visitantes. Destacando a eliminatoria de cuartos de final do Campionato Galego que disputarán os Benxamíns o domingo pola maña e o encontro dos Alevíns da Liga Galega xa que todo o que sexa puntuar proclamaraos campións do Grupo Norte de dita liga.

Imaxe do encontro da primeira volta da competición disputado no Pavillón do CEIP Monte Caxado (As Pontes) | Arquivo O Esteo F.S.