Imaxe de Arquivo | O Esteo F.S.
Os ponteses queren voltar a boa dinámica diante do líder
Maña sábado 29 de novembro ás 18:30 horas, o Pavillón Polideportivo Municipal da Fraga (As Pontes) acollerá un dos partidos máis destacados da tempada para O Esteo F.S., que se enfrontará ao Exlabesa Leis Pontevedra F.S., actual líder do Grupo 1 da Segunda División B.
O conxunto pontés chega a esta xornada coa determinación de ofrecer a súa mellor versión ante un rival que está a asinar un campionato case impecable. Os de As Pontes saben que o reto é maiúsculo, pero tamén teñen claro que o pavillón de A Fraga adoita ser un escenario onde o equipo medra e compite con personalidade, especialmente coa forza extra que achega a súa afección.
O Leis Pontevedra, pola súa banda, preséntase como un bloque moi sólido, fiable en defensa e cunha gran capacidade para castigar o máis mínimo erro do rival. O seu liderado non é casualidade: xogadores con experiencia na categoría e categorías superiores, intensidade constante e unha eficacia notable nas transicións fan do cadro pontevedrés un dos favoritos ao ascenso.
Para os ponteses, o encontro supón unha oportunidade para medir o seu nivel competitivo, poñer a proba a súa solvencia táctica, tratar de resarcirse da derrota sufrida a pasada xornada en Lugo, ante a ADC Lugo Sala e volver a dinámica gañadora diante do líder. O corpo técnico insistiu durante a semana na importancia de manter a concentración durante os 40 minutos, minimizar perdas perigosas e aproveitar o ritmo de xogo que o equipo é capaz de imprimir na casa.
Ao remate do derradeiro adestramento desta semana o técnico dos de As Pontes, Iván López, sinalaba que maña sábado “Agárdanos un encontro de máxima esixencia, os pontevedreses estan demostrando por que son os líderes da competición. Un equipo moi sólido, coas ideas moi claras e con xogadores que marcan diferenzas. Coñecemos perfectamente o nivel do rival, pero tamén confiamos no que somos capaces de facer cando nos competimos ao cen por cen.” Continuaba expoñendo que “Temos que saír concentrados dende o primeiro minuto, minimizar erros e ser valentes co balón. Na nosa pista sempre tentamos impor o noso ritmo e este sábado non será diferente. Se mantemos a intensidade e traballamos xuntos, podemos competir de ti a ti con calquera.” Por último expresaba que “Afrontamos o encontro con ilusión e coas gañas de voltar a sumar de tres en tres para seguir nos postos altos dunha clasificación cada xornada mais apertada. A afección terá, como sempre, un papel fundamental, e esperamos ofrecerlles un encontro á altura.”
Dende o clube fan un chamamento a afección pontesa para que acuda ao pavillón municipal a presenzar e animar aos seus, nunha cita que promete emoción e bo xogo entre un Esteo ambicioso e un Leis Pontevedra que non quere ceder nin un centímetro no seu camiño.
As entradas, para presenzar este encontro manteñen os prezos dos encontros anteriores. Poderanse adquirir anticipadamente a través da plataforma CLUBER (ver redes sociais do clube).
➡️ Socios: Gratis
➡️ Non socios maiores de 18 anos: 7 Euros
➡️ Non socios entre 14 e 18 anos: 3 Euros
➡️ Menores de 14 anos: Gratis
➡️ Pais,nais e nenos da escola do club: Gratis
CATEGORÍAS BASE
Novo domingo onde tódolos equipos de base disputaran os seus respectivos encontros no Pavillón Polideportivo Municipal de A Fraga (As Pontes) como acontinuación se indica.
Domingo día 30 de Novembro
6ª Xornada Primeira Futgal
Ás 10:30 h. O ESTEO F.S. ALEVÍN “B” – FUTBOL SALA PONTEDEUME
Ás 11:30 h. O ESTEO F.S. BENXAMÍN – C.M.I. UNIDADE DE FENE | PACHAMAMA “B”
7ª Xornada Primeira Futgal
Ás 12:30 h. O ESTEO F.S. CADETE – C.M.I. UNIDADE DE FENE | MAR E TERRA “B”
12ª Xornada Preferente Futgal
Ás 16:15 h. O ESTEO F.S. ALEVÍN “A” – O PARRULO F.S. | DELIPOLLOS “A”
Ás 17:30 h. O ESTEO F.S. INFANTIL – O PARRULO F.S. | RESTAURANTE LA COLMENA “A”
10ª Xornada Primeira Futgal Senior
Ás 19:00 h. O ESTEO F.S. “B” – INVERSIA SEGUROS – A ESTRADA FUTSAL
Artigos relacionados
PATROCINADORES












