Os ponteses afrontan este desafio con ilusión e gañas de realizar un bo papel
O Pavillón Polideportivo Municipal de A Fraga acollerá este martes ás 20:30 h. un dos encontros máis destacados dos cuartos de final da Copa Galicia de Fútbol Sala, un duelo no que O Esteo F.S. buscará competir ao máximo nivel fronte ao Noia Portus Apostoli, equipo da Primeira División e un dos referentes do fútbol sala galego.
O conxunto pontés afronta esta cita con ilusión e coa motivación engadida que supón xogar na súa pista e diante os seus siareiros. O equipo chega á eliminatoria concentrado e disposto a ofrecer unha versión sólida ante un rival de enorme entidade.
Pola súa banda, o Noia Portus Apostoli chega como favorito pola súa traxectoria na elite, combinando calidade individual, ritmo competitivo alto e experiencia en partidos de máxima esixencia. A pesar diso, o pavillón pontés é unha pista que adoita ofrecer encontros igualados e nos que o apoio da bancada pode ter un papel determinante.
O adestrador dos ponteses, Iván López, sinala que o equipo é consciente da dificultade do choque, pero confía nas opcións dos seus xogadores. “É unha eliminatoria moi esixente ante un rival de Primeira División, pero afrontámola con ilusión e coa intención de competir dende o primeiro minuto.” Tamen comenta que “Xogar na casa sempre nos dá un plus, e esperamos contar co apoio da afección para manter a intensidade e aproveitar as nosas opcións.” Por último expresaba que “Sabemos da calidade do Noia, pero este tipo de partidos son unha oportunidade para medrar e demostrar o noso nivel.”
A eliminatoria decidirase a partido único, polo que cada acción pode resultar decisiva nun duelo que promete intensidade, ambiente e emoción. O Esteo buscará aproveitar o factor pista para sorprender e loitar polo soño de acceder ás semifinais da competición autonómica.
Dende o clube fan un chamamento a afección pontesa para que acuda ao pavillón municipal a presenzar e animar aos seus, sabendo que o encontro foi declarado como día do club e polo tanto informa que as entradas teran os seguintes prezos:
➡️ Socios: 5 Euros
➡️ Non socios maiores de 18 anos: 10 Euros
➡️ Non socios entre 14 e 18 anos: 5 Euros
➡️ Menores de 14 anos: Gratis
As entradas pódense adquirir anticipadamente na plataforma CLUBER, nos enlaces que aparecen nas distintas redes sociais do clube. Habilitarase unha porta para todos/as con entrada pagada mediante esta plataforma.
Artigos relacionados
PATROCINADORES












