Equipo Senior

O Esteo F.S. cae derrotado no derbi veciñal ante o Grupo Format Vilalba F.S.

Os de As Pontes sufriron moitos contratempos neste encontro

O Esteo recibiu o pasado domingo no Pavillón do CEIP Monte Caxado ao conxunto chairego do Grupo Format Vilalba F.S. recentemente ascendido á categoría e que se levou a vitoria tras vencer ao conxunto pontés por 3 goles a 9 nun partido correspondente á sexta xornada da Segunda División B.

O encontro comezou con moita intensidade por parte dos dous equipos, presionando por toda a pista tratando de provocar o erro do rival e así chegaron as primeiras ocasións con tiros lonxanos en ambas as porterías. Ata que no minuto seis os vilalbeses adiantaronse no marcador precisamente cun disparo lonxano que o porteiro local conseguiu despexar en primeira instancia, pero deixou o balón morto dentro da área para que un xogador visitante, chegando dende atrás, o enviase ao fondo da rede subindo así o (0-1) ao marcador.

Practicamente na seguinte xogada de ataque chegou o segundo gol para os vilalbeses tras un lanzamento de falta longo e bo control por parte dun xogador visitante, ante a pasividade da defensa pontesa, que dende o córner meteu o balón ao segundo pao para que un o compañeiro libre de marca fixera o (0-2). Este segundo gol obrigou aos ponteses a parar o encontro, pedindo tempo morto, para tentar corrixir os numerosos erros que estaba cometendo o equipo, sobre todo en defensa.

A partir dese momento, os xogadores do Esteo parecían axustar máis a súa defensa e tamén comezaron a achegarse con máis perigo á portería rival, aínda que o partido estaba sendo moi entorpecido polas excesivas interrupcións provocadas polos visitantes.

No minuto dezasete chegou unha das accións fundamentais do encontro cando Juan saíu a cortar un balón fóra da área e atropelou a un xogador visitante, os colexiados sen dubidalo mostráronlle a vermella directa, o que fixo que os ponteses tivesen que xogar. os dous minutos seguintes cun xogador menos. Esta acción supuxo o debut en Segunda División B do porteiro xuvenil Pablo. Os vilalbeses non desperdiciaron a inferioridade dos de As Pontes na pista para poñer máis terra polo medio co (0-3).

Faltaban pouco máis de dous minutos para o descanso e o conxunto local decidiu arriscar co porteiro-xogador na pista, pero o marcador xa non cambiaría e os dous equipos retiráronse aos vestiarios.

UNHA SEGUNDA PARTE PARA ESQUECER

Os de As Pontes arriscaron dende o inicio do segundo período co xogo de cinco deixando soa portería e a pesar de acorralar ao equipo contrario en dez metros, os ponteses viron como lles roubaban un balón dentro da área visitante e un disparo posterior remataba co balón dentro da súa portería (0-4) no minuto dous desta segunda metade o que cortou calquera posible reacción dos ponteses.

Os ponteses seguiron atacando co xogo de cinco pero os vilalbeses ben posicionados en defensa cada vez que roubaban o balón xeraban moito perigo na portería pontesa. E así chegarían tres goles máis en dous minutos (0-7) antes da metade do segundo tempo que non fixeron máis que corroborar a intensidade coa que xogaron os dous equipos.

Esta situación obrigou á banco pontés a volver parar o encontro cun tempo morto. O partido retomaríase co O Esteo renunciando ao xogo de cinco e o xoven porteiro Pablo volveu á portería, tras alternalo con Jhony como porteiro-xogador durante boa parte deste segundo período, realizando un par de intervencións de mérito a disparos lonxanos dos xogadores visitantes.

O equipo local marcaría o seu primeiro gol do encontro no minuto trinta grazas a unha falta sufrida por Héctor, que el mesmo se encargou de lanzar e coa axuda dun xogador visitante o balón colouse na portería (1-7).

A partir dese momento, o encontro volveu a unha fase moi movida de xogo con numerosas paradas por faltas e cartóns mostrados polo dúo arbitral. Non sería ata a falta de tres minutos para o final do encontro cando os visitantes puxeron o (1-8) no electrónico.

Os ponteses tentárono ata o final e marcaron dous goles máis, pero tamén encaixarían un gol deixando o marcador final no (3-9).

Con este resultado, o conxunto pontés sitúase na duodécima posición da clasificación provisional do campionato con 6 puntos, á espera de visitar o vindeiro sábado ao Segosala Segobus no partido correspondente á sétima xornada da tempada en Segunda División B.

FICHA TÉCNICA

O Esteo F.S.: Juan, Cokito, Alberto, Jhony e Troncho; tamen xogaron Héctor, Adrián, Jandro e o porteiro xuvenil Pablo.

Grupo Format Vilalba F.S.: Cesar, Antón, Isma, Dieguito e Dani Quintela; tamen xogaron Fede, Fari, Diego, Aitor, Jorge e Victor.

Árbitros: Daniel Dacal Deza, Marcos Pérez Rodríguez xunto a Santiago Modroño Liz como árbitro asistente (comité galego). Amosaron cartón amarelo aos xogadores locais Cokito, Jhony, Troncho, Héctor e expulsaron con dobre cartón amarelo a Adrián e con cartón vermello directo a Juan. Por parte dos visitantes amosaron cartón amarelo a Dani Quintela, Isma, Jorge e expulsaron con dobre cartón amarelo a Dieguito e Diego.

Goles: 0-1 Fari min. 6; 0-2 Isma min. 7; 0-3 Jorge min. 18; 0-4 Fari min. 22; 0-5 Fari min. 27; 0-6 Antón min. 28; 0-7 Dani Quintela min. 29; 1-7 Héctor min. 30; 1-8 Fede min. 37: 2-8 Troncho min. 38; 3-8 Héctor min. 39; 3-9 Aitor min. 40.

CATEGORIAS BASE

Bon comenzo para os equipos de base do clube nos seus respectivos grupos da 1ª Autonómica onde todos conseguiron a vitoria, ademais o equipo Alevín da Liga Gallega sigue contando os seus encontros por vitorias, seis de seis, que o manteñen líder en solitario do grupo norte.

O Esteo F.S. cae derrotado no derbi veciñal ante o Grupo Format Vilalba F.S.

​Imaxe do encontro | Cortesía de Xose Ferreiro