Equipo Senior

Contundente vitoria de O Esteo na súa visita ao Sala Ourense

Os ponteses conseguiron o seu segundo triunfo consecutivo

O Esteo visitou na tarde do pasado sábado o Sala Ourense no partido correspondente á terceira xornada de liga disputado no Palacio dos Deportes Paco Paz da capital ourensá e que rematou, como as dúas tempadas anteriores, con vitoria pontesa esta tempo por 3 goles a 8.

O encontro comezou cós ponteses tendo moi claras as ideas do que querían, creando xa unha perigosa ocasión na primeira xogada, na que Troncho de tiro cruzado que fixo empregarse a fondo ao xoven porteiro local.

Era un aviso das intencións dos ponteses que no minuto tres fixeron o (0-1) cun remate de Jandro ao primeiro pao ante o que o porteiro pouco puido facer e na seguinte xogada repetiuse o guión, pero este tempo foi Adrián o que marcou (0-2) para o Esteo. Esta circunstancia obrigou ao técnico local a solicitar un tempo morto anticipado para intentar reactivar ao seu equipo e pronto tería resultados xa que tras unha gran xogada individual dun dos seus xogadores acabou recortando diferenzas no marcador rematando un compañeiro no segundo pau (1-2).

O Sala Ourense arriscou a buscar o empate, pero un erro nunha transición permitiulle a Jandro facer o segundo da súa conta privada e poñer (1-3) no marcador no minuto sete. Un minuto despois, nunha acción na que os xogadores do Esteo reclamaron unha falta que os colexiados non concederon, o Sala Ourense puido recortar diferenzas, pero o disparo dun dos seus xogadores foise polo latreral da da rede.

O conxunto pontés seguiu xerando moito perigo en cada unha das súas accións ofensivas e aos dez minutos, Adrián fixo o (1-4), tras un erro na saída do balón do Sala Ourense como consecuencia da presión.exercida polos xogadores pontés sobre os ourensáns. As imprecisións no conxunto local continuaron e nun agasallo defensivo, Adrián aumentou a distancia marcando (1-5) no minuto doce.

Buscando recortar diferenzas, o Sala Ourense arriscou a sacando ao porteiro-xogador á pista e así tivo un par de ocasións claras que Juan foi o encargado de desbaratar con dúas boas intervencións no minuto quince. No tramo final do primeiro período o protagonista seguía sendo Juan, o porteiro do Esteo, que volveu evitar con éxito o segundo gol do Sala Ourense noutro par de ocasións. Pouco despois, o longueiro aliouse cos do As Pontes cando repelía un disparo dun xogador local.

Aínda a risco de equivocarse, o Sala Ourense seguiu insistindo co xogo de cinco e no minuto dezanove chegoulles o premio có (2-5). Nunha xogada posterior, unha falta de Héctor, na frontal da área, a falta de medio minuto para rematar este primeiro período, remataba cós arbitrós mostrandolle a segunda amarela polo que foi expulsado, pero a pesar de quedar con un home na pista, os xogadores do Esteo souberon sufrir para manter o marcador no (2-5) co que chegaron ao descanso.

Tras a reanudación, o Sala Ourense tentou aproveitar a súa superioridade na pista, pero non foi quen de marcar o ansiado tanto que os volvería meter no partido. Unha vez recuperada a igualdade na pista, os ourensáns seguiron asediando a portería pontesa e dispuxeron de varias ocasións para recortar diferenzas, pero a defensa dos ponteses e o escaso acerto diante da portería impedírono.

No minuto vintecinco un roubo de balón dos ponteses rematou nun remate de Alberto que salvou milagrosamente o porteiro local cunha boa intervención e un minuto despois, no minuto vinte e seis, o Sala Ourense conseguía recortar diferenzas (3-5). Porén, na xogada posterior ao gol, tras unha boa transición ofensiva dos ponteses, o balón chegou a Jandro e este deixouno atrás para que Jhony, que acompañaba a xogada, o metese na portería rival (3-6) cun disparo colocado lonxe dos dominios do porteiro.

Aínda faltaban máis de trece minutos para o final e o conxunto pontés fíxose co control absoluto do encontro e lonxe de estar satisfeito co resultado, Adrián completou a súa gran tarde con dous tantos máis para poñer o marcador nun claro (3-8).

Alberto puido aumentar aínda máis a diferenza para O Esteo, no minuto trinta e dous, ao roubar un balón na súa área nun ataque de cinco do Sala Ourense, pero o seu disparo petou no pau. A falta de dous minutos para o final, a frustración, un xogador local foi expulsado ao ver o seu segundo cartón amarelo, deixando o Sala Ourense en desvantaxe. Porén, o marcador xa non se movería, deixandoo no difinitivo (3-8).

Con este resultado, os de As Pontes ascenden á cuarta posición da clasificación provisional á espera de recibir o vindeiro fin de semana ao Lugo Sala nun novo partido de Liga na Segunda División B.

FICHA TÉCNICA

Sala Ourense: Pablo, Raúl, Allariz, Iago e Arturo; tamen xogaron Alex, Gus, Joel, Araujo e Martins.

O Esteo F.S.: Juan, Héctor, Troncho, Jandro e Adrián; tamen xogaron Jhony, Alberto e Eloy.

Árbitros: Lidia Crespo Pardo, Ander Orbegozo Cantón xunto a Michael Alexander Weber como árbitro asistente (Comité Galego). Amosaron cartón amarelo ao porteiro local Pablo e por parte de O Esteo a Troncho. Expulsaron con dobre cartón amarelo ao xogador local Arturo e polos de As Pontes a Héctor.

Goles: 0-1 Jandro min. 3; 0-2 Adrián min. 4; 1-2 Gus min 5; 1-3 Jandro min. 7; 1-4 Adrián min. 10; 1-5 Adrián min. 12; 2-5 Gus min. 19; 3-5 Araujo min. 26; 3-6 Jhony min. 27; 3-7 Adrián min. 31; 3-8 Alberto min. 32.

CATEGORÍAS BASE

Tamen o pasado Sábado o conxunto Alevín conseguíu a súa terceira vitoria consecutiva en outros tantos partidos da Liga Galega Grupo Norte ao derrotar a domicilio ao conxunto coruñés do Transricard Distrito Ventorrillo F.S. por 3 goles a 4.

Contundente vitoria de O Esteo na súa visita ao Sala Ourense

Imaxe do encontro | Faro de Vigo