Equipo Senior

O Esteo visitará este sábado ao Unionistas de Salamanca

Os ponteses esperan volver á boa dinámica no seu primeiro desprazamento largo da tempada

Os ponteses afrontarán mañá sábado a súa primeira viaxe longa da tempada para disputar, ás seis e cuarto da tarde, o partido correspondente á quinta xornada na liga de Segunda División B, ante o Unionistas de Salamanca F.S. no Pavillón La Alamedilla da capital de Salamanca.

Os de As Pontes tentarán volver á senda da vitoria tras as dúas derrotas consecutivas (Liga e Copa Galicia) colleitadas ante o C.D. Lugo Sala para deste xeito seguir sumando nunha tempada que, segundo o visto nestas catro primeiras xornadas de competición, se prevé que sexa moi igualada e competitiva ata o final.

Cuns antecedentes similares de dúas vitorias e dúas derrotas, ambos os equipos loitarán por conseguir tres novos puntos nun encontro que se espera moi igualado e disputado de principio a fin a pesar do cansazo que supón a viaxe que terán que realizar os ponteses para a disputa deste partido.

O Unionistas de Salamanca campión da Terceira División castelán-leonesa a pasada tempada chega a este encontro tras conseguir a vitoria na difícil pista do C.D. Segosala Segobus por 3 goles a 5, polo que quererán, ao igual que os ponteses, conseguir un novo triunfo que lle permita mirar cara á parte alta da táboa clasificatoria.

Os salamancanos, que conseguiron reter boa parte dos xogadores que acadaron o ascenso á categoría de bronce do Fútbol Sala español, son un conxunto formado maioritariamente por xogadores novos que se mesturan con xente con ampla experiencia na categoría. Isto obrigará aos xogadores ponteses a saír enchufados dende o inicio do encontro e a non perder a concentración en ningún momento se non se queren ver sorprendidos por un equipo que, como os de As Pontes, buscará a vitoria dende o minuto un de encontró.

Os ponteses que esta tempada, a diferenza de campañas anteriores, están a ver a portería contraria con relativa facilidade, saben que deben mellorar a defensa e intentar minimizar os erros, sobre todo no inicio do encontro, para non verse pronto por debaixo no marcador e evitar ter que xogar a remolque durante moitos minutos.

Para a disputa deste encontro e salvo contratempo de última hora, os de As Pontes terán a única baixa de Cokito por sanción.

CATEGORÍAS BASE

Por outra banda, os alevíns tentarán continuar coa boa xeira de resultados deste inicio de tempada ante o equipo coruñés do Club del Mar San Amaro, nun encontro tamén previsto para mañá sábado, ás cinco e media da tarde, no Pavillón do Club Mar de San Amaro (A Coruña).

O Esteo visitará este sábado ao Unionistas de Salamanca

​Imaxe de Arquivo | O Esteo F.S.