Equipo Senior

Segunda derrota da tempada para O Esteo

Os de As Pontes plantaron cara ata o final aos líderes

O Esteo recibiu este pasado domingo ao C.D. Lugo Sala, recentemente ascendido e líder en solitario da Segunda División B tras ser o único equipo capaz de gañar nas catro xornadas disputadas ata o momento.

O partido comezou cun Esteo valente querendo ter o control do balón e súas foron as primeiras ocasións para adiantarse no marcador con remates de Alberto e Cokito, pero foron neutralizadas polo porteiro visitante e a defensa.

Con todo, os lucenses serían os encargados de adiantarse no marcador despois de que un forte disparo pegado ao pau dende máis de dez metros que o gardameta local, a pesar de tentalo, non puido evitar (0-1) no minuto catro. Dous minutos despois, os lucenses ampliaron distancias tras outro disparo lonxano (0-2).

Foise cumprindo o guión dos partidos disputados ata o momento polo conxunto lucense, que dominaba o partido con moita solvencia e concentración, no minuto dez deste primeiro período os visitantes ampliaron a diferenza no marcador (0-3), ao aproveitar un erro en ataque dos ponteses para montar unha rápida contra que rematou cun gol ao segundo pau.

A partir de aí o C.D. O Lugo Sala seguiu amosando unha gran seguridade defensiva, sen perder a concentración en ningún momento, con presión individual en toda a pista, deixando aos xogadores do Esteo con pouca actividade ofensiva e así os minutos foronse consumindo ata que os dous equipos se retiraron aos vestiarios.

Con estes ingredientes o encontro parecía plácido para os visitantes, con (0-3) ao descanso, e máis aínda cando aos tres minutos da reanudación noutra rápida transición ofensiva puxeron máis terra polo medio con (0-4) e aínda que por momentos o choque foi mais igualado en canto a xogo igualado, antes da metade deste segundo período, o C.D. O Lugo Sala puxo (0-5) no marcador.

Cando todo parecía resolto a favor dos lucenses, os ponteses botaron man da casta e do orgullo para inaugurar o electrónico cando Jhony aproveitou un desequilibrio defensivo do equipo visitante para poñer o (1-5) no minuto dez de este segundo período e un minuto despois, Cokito fixo o (2-5) nun saque de falta. Pero na xogada seguinte, un lamentable saque de banda dun xogador do Esteo, o balón chegou ao dominio do porteiro visitante que marcou (2-6) a portería baleira no minuto catorce.

Lonxe de tirar a toalla, o Esteo seguiu tentando arriscar co xogo de cinco e xa na primeira xogada de ataque Cokito cun magnífico tiro cruzado marcou o (3-6). Un minuto despois Héctor foi derrubado na área visitante e os colexiados sinalaron o punto de penalti. Lanzamento que Jandro foi o encargado de transformar e colocar un esperanzador (4-6) no marcador a falta de cinco minutos para o final do encontro.

Cos dous equipos cargados de faltas, Alberto sufriu falta, a sexta por parte do visitante, polo que o equipo de As Pontes tivo un tiro de dez metros para apretar aínda máis o marcador, pero neste caso o porteiro sacou unha milagrosa man para desviar o gran disparo de Jandro.

Os ponteses seguían intentándoo e Alberto ao segundo pau culminou unha gran xogada individual de Jhony facendo que o partido se puxese moi emocionante con el (5-6) no minuto trinta e sete. Pero un minuto despois Cokito viu o cartón vermello directo cando desviaba un balón que se dirixía á portería coa man, o equipo local queimaría todas as naves, arriscando con porteiro xogador aínda con só catro xogadores na pista, o que os visitantes aproveitaron para facer a final (5-7).

Con este resultado, os ponteses baixan á sétima posición da clasificación provisional do campionato antes de visitar o vindeiro sábado ao Unionistas de Salamanca nunha nova xornada de Liga de Segunda División B, pero mañá mércores ás 20:00 horas. Lucenses e Pontese volverán enfrontarse na terceira eliminatoria da Copa Galica no Pavillón Municipal de Deportes de Lugo.

FICHA TÉCNICA

O Esteo F.S.: Juan, Cokito, Héctor, Troncho e Alberto; tamen xogaron Jandro, Adrián, Jhony e Guillan.

C.D. Lugo Sala: Luismi, Costoya, Borja, Bruno e Miguel Muñoz; tamen xogaron Iago Rodríguez, Longo, Antonio Diz, Miki, Diego Núñez e Alex Diz.

Árbitros: Miguel Jesús Rodríguez, Andrés Pinilla Boullosa xunto a Clara Díaz Gil como árbitro asistente (Comité Galego). Amosaron cartón amarelo a los xogadores locais Jhony, Alberto e expulsaron con cartón vermello directo a Cokito. Por parte do C.D. Lugo Sala amosaron cartón amarelo a Diego Núñez e Costoya.

Goles: 0-1 Antonio Diz min. 4; 0-2 Iago Rodríguez min. 6; 0-3 Miguel Múñoz min 10; 0-4 Bruno min. 23; 0-5 Antonio Diz min. 27; 1-5 Jhony min. 30; 2-5 Cokito min. 31; 2-6 Luismi min. 34; 3-6 Cokito min. 34; 4-6 Jandro (Penalti) min. 35; 5-6 Alberto min. 37; 5-7 Antonio Diz min. 39.

Segunda derrota da tempada para O Esteo

​Imaxe dp partido | Xose Ferreiro