Equipo Senior

Derrota de O Esteo ante un intratable líder, C.D. Lugo Sala

Os de As Pontes vironse superados polos lucenses dende o inicio do encontro

O pasado sábado O Esteo visitou ao C.D. Lugo Sala, líder da competición, nun encontro correspondente á décima novena xornada da tempada en Segunda División B e onde os lucenses demostraron por que son firmes candidatos á acadar o titulo de liga e ao ascenso de categoría.
O encontro comezou cos lucenses impoñendo o seu xogo dende o principio, amosando a súa eficacia de cara ao gol porque no minuto tres xa gañaban por 3 goles a 0. A mellor ocasión para os ponteses nestes minutos iniciais de partido sería un remate de Jandro ao segundo pao que sería repelido polo longueiro.

Os lucenses seguían dominando o encontro e cada achegamento á portería defendida por Xeito convertíase nunha ocasión de gol. Os ponteses puideron abrir o seu marcador tras lanzar unha falta ao borde da área local pero o remate de Jandro foi desviado polo porteiro a saque de esquina. Na xogada posterior chegaría o (4-0) a pesar de parar a Xeito en primeira estancia, un disparo do pivote lucense dende a frontal, este deixaría o balón morto dentro da área, ocasión que un xogador local aproveitou para empurrar o balón ao fondo da portería pontesa no minuto seis.

O técnico do Esteo viuse obrigado a pedir tempo morto para tentar frear o vendaval lucense e casualidade ou non, pouco despois de reanudarse o encontro, a presión sobre a saída do balón do conxunto local, Ayalita recuperou o balón e cedeullo a Adrián para que este de forte disparo raso pegadao ao poa, dende aproximadamente doce metros abriu o marcador para os ponteses (4-1) no minuto sete.

O encontro entraba nunha fase na que os pontés disporían de varias ocasións para recortar diferenzas no electrónico pero a falta de acerto e as imprecisións nos metros finais impediron que isto sucedese. Ata o minuto dezaseis en que os lucenses ampliaron a diferenza (5-1) cunha xogada colectiva que rematou cun remate no segundo pao ante a pasividade da defensa pontesa.

Na seguinte xogada, Troncho marcaría o segundo gol para os de As Pontes con outro disparo lonxano pegado o pau que porteiro local, que a pesar da súa estirada non puido evitar o (5-2). Nos minutos finais da primeira metade as ocasións sucedianse en ambas as portas pero sería o cadro local o que volvería a marcar (6-2).

Os ponteses terían a última gran ocasión desta primeira metade cando Jandro estrelou un balón no pau e o posterior rexeite foi desperdiciado por Ayalita, que non o esperaba, enviando o balón fora a porta baleira, polo que co claro (6-2) chegaríase ao descanso.

No comezo da segunda parte, máis do mesmo, antes de que rematase o primeiro minuto outro gol do conxunto lucense poñía o marcador (7-2) dando a sensación de que os ponteses estaban fóra do partido. Pero nada máis lonxe da realidade porque un minuto despois Jandro aproveitou un balón morto en oito metros para disparar á portería rival e poñer o (7-3) no luminoso e pouco despois Troncho interceptou un balón a media pista facía unha parede con Jandro que deixou o balón ao propio Troncho para que o enviase ao fondo da rede (7-4).

Os ponteses decidiron presionar por toda a pista tratando de aproveitar os posibles erros que puidese cometer o seu rival pero un rápido ataque por banda dun xogador local remataba en gol ao segundo pao dos lucenses (8-4). O encontro entrou nunha fase de “correcalles” que non beneficiaba ao conxunto pontés, cun banco menos extenso en canto a efectivos, pero nun despexe de Xeito o balón chegou a Cokito e este buscaría oco para disparar a portería e subir o ( 8-5) ao marcador no minuto vinte e nove.

Pero dous minutos despois o conxunto local volveu ver o gol cun disparo ao longueiro que Xeito, pese a intentalo, non puido deter (9-5). O técnico pontés pedía un tempo morto para preparar e arriscar co xogo de cinco, pero tampouco foron quen de chegar con claridade á meta rival. O que si o faría sería o conxunto local a falta de un minuto para o final do encontro, elevando o marcador ao (10-5) final.

Con este resultado, os de As Pontes continúan na undécima posición da táboa clasificatoria con 21 puntos, vendo como os seus inmediatos perseguidores reducen a distancia que os separa, quedando a dous puntos da zona de descenso. O vindeiro sábado os ponteses recibirán no Pavillón do CEIP Monte Caxado ao Unionistas de Salamanca, quintos clasificados, nun encontro adiantado á xornada 20 da Segunda División B.

FICHA TÉCNICA

C.D. Lugo Sala: Luismi, Iago Rodríguez, Longo, Brunito e Alex Diz; tamen xogaron Antonio Diz, Miguel, Porto, Pablito, Teo e Yerai.

O Esteo F.S.: Xeito, Héctor, Ayalita, Troncho e Jandro; tamen xogaron Cokito, Adrián e Eloy.

Árbitros: Pablo Coello Martínez, Iria De Luís Iglesia xunto a Andrea De Luís Iglesia (comité galego). Amosaron cartón amarelo ao xogador local Iago Rodríguez e por parte de O Esteo a Jandro e Ayalita.

Goles: 1-0 Antonio Diz min. 1; 2-0 Antonio Diz min. 2; 3-0 Antonio Diz min. 3; 4-0 Brunito min. 6; 4-1 Adrián min. 7; 5-1 Alex Diz min. 16; 5-2 Troncho min. 17; 6-2 Brunito min. 19; 7-2 Antonio Diz min. 21; 7-3 Jandro min. 22; 7-4 Troncho min. 23; 8-4 Antonio Diz min. 25; 8-5 Cokito min. 29; 9-5 Pablito min. 31; 10-5 Antonio Diz min. 39.

Derrota de O Esteo ante un intratable líder, C.D. Lugo Sala

​Imaxe do encontro | C.D. Lugo Sala