Equipo Senior

Hoxe Xoves Santo O Esteo visita ao Inversia Seguros A Estrada Futsal

​Os de As Pontes buscaran a vitoria ante un rival direto pola permanencia

Hoxe os de As Pontes visitaran a un rival directo, o Inversia Seguros A Estrada Futsal, nun encontro adiantado á vixésimo sexta xornada da tempada na Segunda División B e previsto para as cinco da tarde no Pavillón Manuel Coto Ferreiro da localidade pontevedresa de A Estrada.

Os ponteses que chegan ao tramo final do campionato acumulando catro xornadas sen coñecer derrota, buscarán seguir coa boa dinámica de resultados e tentarán aproveitar os enfrontamentos directos entre equipos inmersos na batalla de evitar os postos de descenso para distanciarse deles, de aí a importancia deste encontro para os intereses ponteses. Pero non o terán nada doado ante un conxunto o estradense, que está moi preto de selar matematicamente a súa continuidade unha tempada máis na categoría de bronce do fútbol sala español.

O Inversia Seguros A Estrada Futsal, que deixou escapar poucos puntos do seu feudo no que vai de tempada, chega a este choque despois de ver como a pasada xornada o colista da competición, o Segosala Segobus, empatoulle nos minutos finais un encontro que dominaba con absoluta claridade por 1-6. Décimos con trinta e dous puntos e os ponteses duodécimo con vinte e nove protagonizarán un partido moi disputado e igualado de principio a fin, onde ambos os equipos buscarán unha vitoria que lles permita disputar as últimas xornadas do campionato sen a presión engadida do descenso.

Os estradenses formados por xogadores con ampla experiencia na categoría e en categorías superiores xunto con xogadores novos fan que sexa un rival difícil de bater e máis na súa pista, saben aproveitar moi ben os erros do rival, son moi perigosos en xogadas estratéxicas a balón parado e tamén ao contragolpe.

Os xogadores de O Esteo saben que para contrarrestar todo isto terán que afrontar o encontro, dende o inicio, moi intensos e concentrados a nivel defensivo, para intentar evitar ir a contracorrente no marcador dende os primeiros minutos, como a nivel ofensivo onde terán que aproveitar tódalas ocasións que se lle presenten ante a portería rival para tentar conseguir tres puntos moi importantes.

No partido da primeira volta disputado no Pavillón do CEIP Monte Caxado, o resultado final foi de empate 4-4, cando o resultado do inicio do segundo período era favorable aos estradenses por 1 gol a 4.

Para a disputa deste encontro, os de As Pontes seguen tendo as baixas de Juan por motivos persoais e aos lesionados Ayalita e Paulo, polo que completarán a convocatoria con xogadores do equipo xuvenil.

Hoxe Xoves Santo O Esteo visita ao Inversia Seguros A Estrada Futsal

​Imaxe do encontro da primeira volta disputado no Pavillón do CEIP Monte Caxado | Archivo O Esteo F.S.